Hai chapas que quererían ulir a libro.
Chapas que quererían levar índice, prólogo, epílogo e colofón.
E logo están estas: chapas de lingua, literatura e filoloxía en xeral.
Esta sección é un dos núcleos duros de Chapatízate. Aquí viven as nosas chapas literarias, as chapas de sintaxe, as que xogan coa lingüística, cos tópicos literarios, con autoras e autores, coas manías lectoras e con ese tipo de humor que só fai graza se algunha vez che emocionou unha palabra ben posta.
Non é casualidade. Chapatízate comezou a tomar forma cando aínda polulabamos pola Facultade de Filoloxía da USC (ano 2004, si, bastante tolo todo): frikis da lingüística convivindo con frikis da literatura e moi amigas de medievalistas. Así que entre as nosas primeiras chapas xa estaban o Appendix Probi, o Cid, Chomsky ou Valle-Inclán. E aquí seguimos.
Nesta categoría atoparás chapas dedicadas á lingua e á literatura, chapas de sintaxe (si, as dos complementos circunstanciais de todo), chapas literarias, de libros, autoras e autores, e deseños que conectan directamente co mundo lector e educativo. Por iso non é raro que moitas destas chapas acaben en mochilas de profes, estoxos, abrigos ou taboleiros de clase.
Unha parte importante desta sección medrou ademais grazas ao grupo de Facebook “Sintaxis, por Alfonso Ruiz de Aguirre”, de onde saíron varias chapas ideadas polos seus propios membros. Outras naceron de mensaxes vosas, de peticións imposibles, de chistes filolóxicos privados ou de obsesións compartidas.
Falta unha autora? Bótase de menos unha chapa sobre o teu tema literario predilecto? Gustaríache ver máis chapas de sintaxe, de gramática ou de historia da lingua? Escríbenos. Esta categoría segue medrando grazas a un amor bastante incorrixible polas palabras, as letras e a literatura.
E si: aquí é moi doado vir bisbar “só un momento”… e acabar atopando unha chapa que parece que te estaba esperando. ✨