Hai xente que escoita música. E hai xente que vive un pouco dentro dela. Esta sección de chapas de música é para as segundas.
Aquí atoparás chapas inspiradas en grupos, cancións, acordes, frases, escenas e lembranzas musicais. Algunhas remiten a artistas concretos; outras a sensacións, momentos ou cousas que só se entenden de todo cando levas media vida con auriculares, concertos, cintas gravadas, discos raiados ou cancións que sabes sen querer.
Son chapas que falan da música como cultura, como refuxio, como memoria e como forma de estar no mundo. Chapas que adoitan acabar en chaquetas, mochilas ou estoxos de xente que necesita levar preto o que escoita.
Esta é unha categoría en crecemento. Irase enchendo pouco a pouco de novas referencias, letras, obsesións e propostas que vaian aparecendo polo camiño. Se hai unha canción, un verso, un grupo ou unha idea que cres que debería existir en forma de chapa, escríbenos. Moitas das que están aquí comezaron así.