• Novo
lorca la bola negra

Nos acechan todavía

1129
1,50 €
IVA incluido

Hai versos que non envellecen. E algúns gustaríanos que envellecesen moito máis. «¡Mira que nos acechan todavía!», escribiu Federico García Lorca. Unha frase que doe polo que conta, polo que sabemos do seu autor e por todo o que segue dicindo.

Tipo
  • Chapa
  • Imán
  • Imán abridor
Tamaño
  • 38 mm
  • 44 mm
  • 59 mm

 

Hai unha palabra nesta chapa que nos rompe un pouquiño o corazón: todavía.

Porque Federico García Lorca escribiu ese verso en El amor duerme en el pecho del poeta, un dos seus Sonetos del amor oscuro. Un poema de amor, si, pero tamén de medo. Do medo a querer a alguén e ter que agochalo. A sentir que mesmo o máis íntimo, aquilo que debería pertencernos só a nós, está baixo vixilancia.

Lorca fala dun amor perseguido, de palabras que feren, dunha ameaza que non desaparece nin sequera cando a persoa amada dorme. E remata con esa frase que parece atravesar o papel:

«¡Mira que nos acechan todavía!»

Sabemos o que aconteceu despois. Sabemos que Lorca foi asasinado en 1936. E sabemos tamén que durante demasiado tempo houbo amores que tiveron que vivirse ás agachadas, cartas que se esconderon e vidas que non puideron contarse enteiras.

Por iso este verso doe tanto. Porque fala desde un tempo que nos gustaría sentir moito máis afastado.

E entón chega La bola negra, a película de Javier Calvo e Javier Ambrossi, que recupera unha obra inacabada de Lorca e entrelaza historias de amor, desexo e memoria a través de distintas xeracións. A película remata precisamente con este verso, devolvéndolle toda a súa forza.

Nós saímos do cine con moitas cousas dentro e bagoas fóra. E con estas palabras dando voltas na cabeza.

De aí naceu esta chapa.

Non queriamos facer unha homenaxe solemne nin converter a Federico nunha estatua. Queriamos quedar con algo seu que segue vivo. Co poeta namorado, vulnerable, asustado. Con ese home que escribiu sobre a necesidade de amar e o medo a que nolo arrebaten.

E tamén cunha esperanza: que algún día ese «todavía» deixe de ter sentido.

chapatízate

A clientela que mercou este produto tamén mercou:

Produto engadido á lista de desexos