Chapatízate non naceu nun garaxe nin nun despacho serio. Naceu entre apuntamentos, cafés mornos e ganas de facer cousas. Comezou en Santiago de Compostela, nunha cafetaría preto da Alameda, falando de música indie, de libros, de cultura pop e de chapas. Porque as chapas molaban. E porque eran moi pop.

En 2004 chegou a primeira máquina. Grande, pesada e desas ás que lles colles cariño. Comprámola entre Pili, Sole e máis eu, cando viviamos nun piso de estudantes en Vista Alegre. A Facultade de Filoloxía non se vía desde a fiestra, pero estaba preto, e iso xa marcaba camiño. Facíamos chapas no salón, entre traballos da carreira, risas e algún que outro drama universitario. Non había redes sociais: todo funcionaba polo boca a boca, a fotocopiadora e o entusiasmo.

As primeiras chapas foron feministas, LGTBIQ e filolóxicas. No VI Congreso de Lingüística Xeral, en Santiago, deixamos algunhas chapas na fotocopiadora da Facultade. Ás poucas horas chamaron para pedir máis. Esgotáronse. E aí entendemos que aquilo tiña vida propia.

Durante eses primeiros anos fixemos festivais, feiras, chapas para colectivos, bares, asociacións e amigas. O proxecto quedou axiña nas miñas mans e foi medrando aos poucos, de forma artesanal e sen moitas pretensións, pero cunha cousa moi clara: facer sorrir.

chapatizate nas feiras

Despois chegou a viaxe. Unha breve parada en Madrid e máis tarde 17 anos en Zaragoza. Chapatízate volveuse un proxecto híbrido, con corazón compostelán e vida maña. Caixas de chapas no maleteiro, a máquina viaxando de barrio en barrio e a marca medrando ao ritmo da vida. O humor pasou de ser defensa a converterse en oficio, e de aí, en ADN.

Hoxe Chapatízate segue sendo iso: un espazo próximo, humano e con sentido do humor. Se nos equivocamos, arranxámolo. Se alguén escribe, respondemos. Aquí importan as chapas, si, pero sobre todo a xente que as leva.

Dunha máquina pasamos a seis ou sete. De chapas redondas a cadradas, rectangulares, triangulares, imáns e pins. Pero a chapa segue sendo a raíña do baile. Outras cousas suman, pero a chapa dálle nome a todo.

E aínda que hoxe Chapatízate teña unha voz clara e recoñecible, nunca foi un proxecto completamente solitario. Durante todos estes anos houbo moita xente a soster, empurrar e coidar. Amigas que axudaron cando facía falta unha man máis: Nadege, Sole, Andrea, Carol, Miguel, Pili, Pilar, Paco. E a familia formando parte de toda esta tolemia: meu pai pintando marcapáxinas a man, miña nai cosendo bolsiñas de tea para que todo chegase bonito. A miña irmá, sosténdome sempre. Ese traballo invisible, feito con agarimo, tamén é Chapatízate.

Despois de máis de vinte anos, seguimos aquí. Con humor, con ideas e con metal.

Un pouco punk, un pouco biblioteca.

Chapas raras e diferentes para levar posto o que pensas. Ainda que o que penses sexa "gústanme as croquetas". ;)

Produto engadido á lista de desexos