A filosofía non vive só nos libros grosos nin nas aulas. Vive nas preguntas incómodas, nas conversas longas, nos chistes malos con fondo, nas frases que se che quedan dando voltas e nesa sensación de que pensar tamén pode ser unha forma de pracer. E, ás veces, de risa.
Nesta categoría atoparás chapas de filosofía que xogan co pensamento clásico e contemporáneo, con citas, conceptos, autoras e autores, paradoxos, ironías e pequenos guiños filosóficos. Hai chapas máis serias, chapas claramente humorísticas e outras que parecen un chiste… ata que te decatas de que non o é tanto.
Interésanos unha filosofía que saia á rúa, que se leve na solapa, que provoque conversa nun corredor, nunha aula ou nun bar. Por iso aquí conviven referencias ao mundo antigo, á filosofía moderna e á contemporánea, sempre pasadas polo filtro de Chapatízate: cultura, humor e un chisco de mala idea.
Estas chapas adoitan acabar en mochilas de estudantes, profes, xente lectora, amantes do pensamento crítico e persoas ás que lles gusta levar algo que diga un pouco máis ca “ola”. Tamén funcionan moi ben como agasallo para quen goza pensando… ou discutindo.
Esta colección está viva. Se botas de menos algunha filósofa, algún concepto, algunha corrente ou algún chiste filosófico que debería existir en formato chapa, escríbenos. Pensar xuntas sempre é mellor.