Señora
Un día es unha rapaza. Ao seguinte dis "leva unha chaquetiña, que logo refresca" e descobres que sucedeu: es unha señora.
Non pasa nada. Estase estupendamente aquí.
Non sabemos exactamente cando sucede.
Quizais o día no que empezas a levar un pano no bolso "por se acaso". Cando baixas a música do coche para aparcar. Cando unha noite de sofá che parece un planazo. Ou cando ves alguén en xaneiro cos nocellos ao aire e pensas: ese vai coller frío.
Sexa como sexa, chega un momento no que a evidencia é incontestable:
SEÑORA.
E mira, estupendamente.
Porque ser unha señora tamén significa chegar a ese marabilloso momento da vida no que empezas a ter bastante claro que che gusta, que non e para que cousas xa non estás disposta a perder o tempo.
Esta chapa non pretende rexuvenecer a ninguén. Todo o contrario. Reivindica o pracer de entrar orgullosamente na categoría señora, coas túas teimas, as túas plantas, os teus "por se acaso" e o dereito inalienable a comentar que nese sitio teñen a música demasiado alta.
Señora eu?
Si.
E a moita honra.