Ora et desbroza
Chapa "Ora et desbroza". Para quen ten fe, paciencia e unha desbrozadora que xa forma parte da familia 🌿💪
Hai ideas que nacen arredor dunha mesa. E logo están as que nacen cando unha amiga chega ao local completamente esgotada despois de pasar toda a fin de semana "desbroza, desbroza, desbroza". Esta chapa pertence orgullosamente á segunda categoría.
Así comezou todo. Ofelia apareceu coa cara de quen acababa de librar unha guerra persoal contra o monte. E pensamos que aquilo merecía unha homenaxe.
De aí sae "Ora et desbroza", unha versión moi nosa do clásico Ora et labora. Porque hai labores que non aparecen nos libros de filosofía, pero que tamén esixen disciplina, paciencia e bastante gasolina.
Nesta chapa o deseño trata con toda a solemnidade do mundo unha actividade que calquera persoa con finca sabe que acaba sempre igual: dicindo "xa remato", mentres aínda quedan dúas horas de desbrozadora.
É unha chapa para xente de aldea, para amantes do monte, para quen sabe distinguir un toxo dunha silva a vinte metros e para todas esas persoas que consideran que sobrevivir a unha fin de semana de limpeza merece, cando menos, unha medalla.
Ou unha chapa.