Se estás pensando en facer chapas personalizadas, probablemente xa teñas máis ou menos claro o deseño. E entón chega unha pregunta que parece facilísima ata que tes tres chapas diante:

Que tamaño escollo?

En Chapatízate traballamos principalmente con tres tamaños de chapa redonda: 25 mm, 38 mm e 59 mm. E non, non hai un que sexa mellor ca os demais. Unha chapa pequena pode quedar estupenda cun deseño que en 59 mm resultaría enorme, e unha frase que funciona perfectamente en 59 mm pode converterse nun xeroglífico se intentamos metela en 25.

Despois de máis de vinte anos facendo chapas, a nosa regra básica é bastante sinxela:

canto máis teña que contar o deseño, máis espazo necesita.

Pero imos por partes.

Resposta rápida: que tamaño de chapa necesito?

Se non queres ler toda a guía, esta sería a nosa recomendación xeral:

25 mm

Escolleriámolo para: símbolos, debuxos sinxelos, palabras ou mensaxes moi curtas.

Mellor evitalo se: hai moito texto, unha foto ou detalles pequenos.

38 mm

Escolleriámolo para: frases curtas, ilustracións, logos e a maioría dos deseños.

Mellor evitalo se: o contido é especialmente complexo ou necesita verse desde lonxe.

59 mm

Escolleriámolo para: frases longas, fotografías, ilustracións detalladas e deseños que queres que destaquen.

Mellor evitalo se: buscas algo pequeno ou discreto.

Se tes dúbidas e buscas un tamaño todoterreo, 38 mm adoita ser o punto de partida máis doado.

Chapas de 25 mm: pequenas, discretas e moi agradecidas cos deseños sinxelos

25 mm son 2,5 centímetros de diámetro.

Parece unha obviedade escribilo, pero unha pantalla engana moitísimo. Un deseño pode verse enorme mentres o estamos preparando no ordenador e converterse en algo minúsculo cando o imprimimos ao seu tamaño real.

As chapas de 25 mm funcionan especialmente ben cando o deseño ten unha idea moi clara e poucos elementos.

Un símbolo. Unha cara sinxela. Unha palabra. Unha inicial. Unha ilustración pequena cunha silueta recoñecible.

Tamén son estupendas para levar varias chapas xuntas nunha cazadora, unha mochila ou un bolso sen que aquilo acabe parecendo o medalleiro dun xeneral soviético.

Cando escolleriamos 25 mm?

  • Para unha icona ou símbolo.
  • Para unha palabra ou unha frase realmente curta.
  • Para deseños gráficos moi sinxelos.
  • Para facer conxuntos de varias chapas.
  • Cando queres que a chapa sexa un detalle e non a protagonista.

E cando non?

Cando empezamos a facer malabarismos para que caiba todo.

Se hai que reducir moitísimo unha tipografía, conservar detalles pequenos dunha ilustración ou meter unha frase de tres liñas, probablemente o deseño estea pedindo outro tamaño.

Que algo caiba non significa que se vexa ben.

E esta é unha das cousas que máis aprendemos facendo chapas: imprimir pequeno non consiste simplemente en coller un deseño grande e reducilo.

Chapas de 38 mm: o termo medio que funciona para case todo

38 mm son 3,8 centímetros de diámetro e, para nós, é probablemente o tamaño máis versátil.

Segue sendo unha chapa relativamente pequena para levar nunha chaqueta, bolso ou mochila, pero xa temos bastante superficie para traballar cunha ilustración, unha frase ou unha combinación de ambas.

Por iso, cando alguén nos pregunta que tamaño escoller e o deseño non ten ningunha necesidade especial, 38 mm adoita ser a nosa primeira opción. Por iso tamén é o tamaño que aparece por defecto en todo o noso catálogo.

Que funciona ben en 38 mm?

Frases curtas cunha tipografía clara, retratos sinxelos, ilustracións, logos, debuxos con algo máis de detalle e practicamente calquera deseño pensado desde o principio para unha chapa.

Aquí xa podemos xogar máis coa composición.

Pero tampouco hai milagres.

Unha cita de Virginia Woolf de catro parágrafos seguirá sen caber. Por moito cariño que lle teñamos a Virginia.

Chapas de 59 mm: cando queremos que o deseño se vexa

59 mm son 5,9 centímetros de diámetro.

A diferenza con 38 mm parece pequena sobre unha regra, pero posta nunha peza de roupa nótase moitísimo. Hai bastante máis superficie para traballar e iso permite que unha fotografía, unha ilustración ou unha frase respiren.

É o tamaño que escolleriamos cando a lexibilidade importa especialmente ou cando queremos que a chapa teña presenza.

Cando ten sentido escoller 59 mm?

  • Cando hai unha frase relativamente longa.
  • Cando utilizamos unha fotografía.
  • Cando a ilustración ten detalles que queremos conservar.
  • Cando necesitamos que a mensaxe poida lerse con facilidade.
  • Cando a chapa forma parte dunha campaña, evento ou reivindicación e queremos que sexa visible.
  • Cando, simplemente, queremos un chapón, jiji.

Hai fabricantes internacionais que recomendan precisamente os tamaños próximos aos 58-59 mm para mensaxes, campañas, fotografías ou deseños que necesitan maior visibilidade.

Pero máis grande tampouco significa automaticamente mellor.

Unha ilustración diminuta e sinxela pode quedar estupenda en 25 mm e sentirse absurdamente baleira en 59. O tamaño debe acompañar o deseño, non substituílo.

38 ou 59 mm para unha chapa con texto?

Aquí a resposta depende moito máis da cantidade de texto que do número de milímetros.

Por exemplo:

“Carpe diem” pode funcionar perfectamente en 25, 38 ou 59 mm se adaptamos o deseño.

Unha frase de oito ou dez palabras probablemente nos leve cara aos 38 ou 59 mm.

E se necesitas poñer un nome, unha data, unha frase, o nome da asociación e ademais un logo... seguramente teñamos que falar. ?

Hai outra cuestión importante: a tipografía.

Unha letra grosa, sinxela e con bo contraste aguanta tamaños moito menores ca unha tipografía fina ou moi ornamentada. Dous deseños con exactamente o mesmo número de palabras poden necesitar tamaños diferentes.

Por iso, cando facemos chapas personalizadas, non miramos soamente canto texto hai. Miramos como se vai ver cando a chapa exista de verdade.

Que tamaño escoller para unha chapa con foto?

Aquí normalmente preferimos 59 mm.

Nunha fotografía hai información que desaparece moito antes do que imaxinamos: expresións, ollos, caras de varias persoas, fondos, pequenos obxectos...

Iso non significa que non se poida facer unha chapa fotográfica de 38 mm. Pode quedar estupenda se temos, por exemplo, un retrato moi pechado e unha fotografía con boa calidade e contraste.

Pero se aparecen varias persoas ou queremos conservar detalles, eses 21 milímetros extra dannos bastante aire.

Para fotografías, ademais, hai outra cuestión tan importante como o tamaño da chapa: a calidade da imaxe orixinal. Pero esa merece unha guía propia.

Que tamaño de chapa queda mellor nunha mochila?

Aquí podemos permitirnos case calquera.

Nunha mochila, as chapas de 25 mm funcionan moi ben agrupadas, mentres que unha de 59 mm pode actuar como peza principal. As de 38 mm quedan xusto no medio e son probablemente as máis fáciles de combinar.

De feito, mesturar tamaños adoita resultar bastante máis interesante que colocar cinco chapas idénticas perfectamente aliñadas. Isto é unha mochila, non unha formación da Garda Real.

E para unha chaqueta?

Depende bastante de onde queiras colocala.

Nunha lapela ou nunha zona pequena, 25 ou 38 mm adoitan resultar cómodas. Nunha cazadora vaqueira, unha chaqueta grosa ou unha peza de roupa onde queiras que o deseño destaque, 59 mm ten moito máis sentido.

Tamén hai unha cuestión práctica: canto maior é unha chapa, maior presenza física ten sobre o tecido. Para prendas moi finas adoitamos preferir tamaños pequenos ou medios.

Entón, cal escollemos?

Se tivésemos que resumir vinte anos de chapas en tres liñas:

25 mm: menos é máis.
38 mm: vale para case todo.
59 mm: dáme sitio, que teño cousas que dicir.

Pero a nosa recomendación máis importante sería outra:

Escolle o tamaño pensando no resultado real, non en como ves o deseño na pantalla

Antes de imprimir unha tiraxe, nós comprobamos os deseños a tamaño real. É a única forma de saber se esa frase segue sendo lexible, se unha cara conserva os seus trazos ou se ese pequeno detalle que parecía fundamental acaba convertido nunha manchiña indescifrable.

E se vas encargarnos chapas personalizadas e non sabes que tamaño escoller, tampouco necesitas resolvelo ti antes de escribirnos. Cóntanos que queres facer, ensínanos o deseño se xa o tes e dirémosche que tamaño cremos que lle acae mellor.

Ao fin e ao cabo, despois duns cantos miles de chapas, algunha pista temos. :)

E se nada che convence, podemos falar. Estamos engadindo dous tamaños novos ao catálogo e, aínda que polo momento só os temos na nosa tenda física, podemos traballar con eles.
Falamos das chapas de 32 mm e 44 mm. O que viría sendo un "para as indecisas". A de 32 funciona como a de 25 pero para xente con presbicia (non o negamos) e a de 44 é para eses momentos nos que queres algo máis pero sen chegar ao chapón. A min este tamaño (o de 44) tenme moi enganchada ultimamente.

Agora si, fin da guía chapeira. :D

Produto engadido á lista de desexos